A VIDA AO PÉ DO MAR
Os mariscadores e mariscadoras das nosas rías levan unha vida moi dura para poder sacar algo de proveito que levar á boca. O laborioso traballo que fan ten uns procesos que provocan enfermidades e doenzas. Durante dúas semanas ao mes e en función das mareas, póñense o mono de traballo. Así comezan o seu oficio cando o sol aínda non saiu.
No proceso o mar é o protagonista, mais tamén ten cabida a confraría. Unha vez os produtos son extraídos da ría de Pontevedra lévanse, neste caso, á Cofradía de San Telmo. Este paso é imprescindible para catalogar a materia prima de cara á súa posterior venda nas lonxas.




Como é a vida dos mariscadores de a pé?
Galería fotográfica do proceso do marisqueo. | Elaboración propia.
Os mariscadores e as mariscadoras da Cofradía de San Telmo teñen cada día unha tarefa distinta. Traballan fundamentalmente en dúas praias: a de Lourido e a de Os Praceres, as dúas moi preto da confraría.
Traballan quince días cada mes e, en cada xornada, comezan o labor moi cedo. A recollida de ameixas e berberechos pode facerse de dúas formas: o marisqueo en barco e a pé. Este último é no que se centran os traballadores e traballadoras da praia de Lourido cando está a marea baixa. Primeiro, anciñan a area para sacar os bivalvos. Empregan un angazo, que se utiliza para remover a area e deixar ao descuberto os produtos. Logo teñen que agacharse para recollelos e posteriormente os depositan nun caldeiro que levan enriba dun carro con rodas, para facilitar o seu desprazamento.
Precisamente esta postura é a responsable de todas as doenzas que sofren os mariscadores e mariscadoras de a pé. Este desgaste de saúde vai unido ao escaso valor que se lles da. Segundo Duque, mariscador de a pé da ría de Pontevedra, o prezo é “miserable”: a ameixa que recollen véndena a 6 ou 7 euros. Porén, a centola ten un prezo de entre 14 e 20 euros, polo que necesitan moito máis cantidade e, por extensión, tempo de traballo.
![]() |
---|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Praia de Lourido, Pontevedra
Mariscadores de a pé dende as oito da mañá traballando para levar os produtos do mar ás nosas mesas.
Galería fotográfica do proceso de recollida dos produtos do mar. | Elaboración propia.
TIPOS DE AMEIXAS NAS RÍAS GALEGAS
Descubre todo sobre os tipos de ameixas que hai na ría de Pontevedra a través desta imaxe interactiva. | Elaboración propia.

Mariscadora realizando o seu traballo de recollida da ameixa. | Elaboración propia.
Unha vez teñen cheo o caldeiro, os produtos lévanse á confraría. Alí hai máquinas que os clasifican segundo o seu tamaño: A (terciada), B (gorda) e extra (a de mellor calidade).
A mercancía é depositada nun funil e logo pasa por tres grellas. Cada unha delas ten as barras máis ou menos separadas entre si, e así sepáranse por tamaños. Logo empaquétanse en redes de cores diferentes: amarela, azul e negra, respectivamente, para diferenciar os seus tamaños dunha forma máis visual. Na actualidade, a confraría está inmersa nun proceso de dixitalización para, nun futuro, empregar ordenadores co obxectivo de evitar ter que escribir a man todos os prezos.
Vexamos canto sabes da arte do marisqueo. Xoga e comparte os teus resultados. | Elaboración propia.
As dificultades do mar
Marina Buceta, presidenta da agrupación de mariscadores da Cofradía de San Telmo, e Ángela García, vicepatroa, destacan a precariedade que padece o sector. É un traballo moi difícil, especialmente no inverno, debido á climatoloxía adversa. Sofren de moitas enfermidades: fibromialxia, tendinite, dor de cervicais e da columna vertebral, túnel carpiano, etc.

Declaracións de mariscadores de a pé na praia de Lourido (Pontevedra). | Elaboración propia.
As dúas mariscadoras xunto coas súas compañeiras levan anos loitando polo recoñecemento destas doenzas como enfermidades laborais en lugar de comúns. Contan a anécdota da súa visita ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en Madrid, ao que acudiron a través dunha asociación para presentar as súas queixas. Afortunadamente lograron o seu obxectivo e agora, cando enferman ou cando hai toxina e é imposible traballar, poden seguir cobrando dende o primeiro día.
A vida no mar é laboriosa. Dificultades diarias e enfermidades a curto e longo prazo provocan que o marisqueo de a pé se converta nun reto. Así o conta Ángela García, vicepatroa da Cofradía de San Telmo de Pontevedra.
O día a día da xente do mar
O día a día nunha confraría non é nada doado. O que parece que é un traballo de só dúas semanas ao mes agocha moito máis.
Os patróns e patroas maiores son os que mellor o saben. Eles, cando os mariscadores teñen esas dúas semanas de descanso polas mareas ou as toxinas, xa están a preparar a seguinte saída ao mar. Tódolos patróns maiores das distintas confrarías reúnense nas lonxas para ver que produto é o que hai que recoller nas seguintes semanas e o prezo que hai que fixar para os xéneros elixidos, segundo a súa produción e a época do ano.
Tras isto, comeza unha carreira dunha semana para conseguir tódolos permisos para poder mariscar, ver a que horas están baixas as mareas para realizar o traballo e resolver problemas de última hora.
Tras todo este traballo de papeleo e reunións, nas seguintes dúas semanas, as primeiras de cada mes, os mariscadores convértense nos protagonistas. Moitas veces as mareas obrigan á xente do mar a comezar o seu oficio ás seis da mañá. Co frío e coa auga polos xeonllos realizan a extracción dos distintos bivalvos para levalos a continuación ao catalogado e á pesaxe. Posteriormente, tras isto, lévanse tódolos produtos do mar á lonxa que máis preto está coa finalidade de que entren en poxa nas primeiras horas da tarde.




Galería fotográfica do día a día na arte do marisqueo. | Elaboración propia.
Así, día a día, traballan sen parar, e dunha forma ordenada e en equipo, tódolos membros da Cofradía de San Telmo de Pontevedra, facendo posible que tódolos produtos que saen da ría pontevedresa sigan un camiño ata as mesas das familias galegas.
Que é o que fan os mariscadores ao pé do mar cada mañá?
O DÍA A DÍA DAS CONFRARÍAS
Descobre todo sobre o día a día nas confrarías a través desta imaxe interactiva. | Elaboración propia.

MARISQUEO
Vídeo sobre a vida dos mariscadores de a pé. | Elaboración propia.