Sempre existiu un vínculo entre Galicia e o mar. Dende hai décadas, moitas familias galegas saíron adiante grazas á súa implicación nas augas das nosas rías. Ese esforzo viuse sempre recompensado levando de comer ás casas, mais nunca tivo o recoñecemento social que se merece.
En Mar de orixe buscamos dar a coñecer o proceso que seguen os produtos do mar para chegar aos nosos pratos. É un percorrido dende as augas das rías ata as mesas, tanto ás galegas coma ás do resto do mundo. Tentaremos reflectir esta realidade en primeira persoa para que ti, esteas onde esteas, poidas sentirte ao pé do mar.
UN PERCORRIDO POLA GASTRONOMÍA MARÍTIMA DE GALICIA
Os produtos das rías galegas teñen que seguir moitos procesos para poder chegar ata nós. Dende os traballadores do mar ata as lonxas e prazas, procesos habituais que se levan facendo durante moito tempo. Poderían acabar aquí, mais neste caso, os produtos cos que se elaboran os pratos tradicionais galegos toman un camiño innovador: chegan a Lugar da Santiña S. L. das mans do cociñeiro Paco Feixó. Alí encárganse de transformalos en elaboracións de quinta gama. Deste xeito, os produtos teñen un ciclo de vida que abrangue dende a súa extracción, catalogación, venda, envasado e ata a súa correspondente exportación ao estranxeiro.
E isto é o que queremos contar. A través desta reportaxe mostraremos a historia de todos aqueles que fan o posible para que este proceso funcione, para que todo teña sentido.




Colección fotográfica dos procesos que seguen os produtos do mar. | Elaboración propia.